Friday 10 de May de 2024

Aberto o prazo para inscribirse na X edición da San Silvestre compostelá


A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, acompañada polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; polo delegado en Santiago, José Manuel Ruíz; e polo xerente do Centro Comercial As Cancelas, Javier Nicolás, presentou en rolda de prensa a décima edición da San Silvestre compostelá, que se disputará conxuntamente co Campionato de Galicia de 5 quilómetros en ruta. A saída da carreira será desde a avenida de Xoán XXIII e a meta estará situada na rúa de San Francisco.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023.- O Concello de Santiago, a través do seu Departamento de Deportes, e a Federación Galega de Atletismo organizan a X edición da Carreira San Silvestre de Santiago, enmarcada na programación “Compostela, a estrela do Nadal”, que se celebrará o 31 de decembro a partir das 17:00 horas da tarde con saída na avenida de Xoan XXIII e chegada á rúa de San Francisco.

Na carreira poderán participar tanto deportistas federados como non federados, que nacesen en 2011 e anteriores, e deberán rexistrarse a través das páxinas web de carreirasgalegas.com e atletismo.gal. O prazo de inscrición concluirá o martes 26 de decembro, ás 23.59 horas, e o prezo será de 4 €. Para nenos e nenas é de balde.

Nesta edición de 2023, a carreira disputarase conxuntamente co Campionato de Galicia de 5 quilómetros en ruta, polo que haberá caixóns de saída distribuídos por marcas, tendo preferencia atletas que disputen o Campionato Galego. A totalidade de atletas participantes nestes 5 quilómetros en ruta deberán inscribirse na proba popular se desexan tomar parte nos premios populares.

A recollida de dorsais, que estarán acompañados dun agasallo, cortesía do Centro Comercial As Cancelas, poderán realizarse nesta área comercial o 29 de decembro de 16:00 a 20:30 horas, o 30 de decembro de 11:00 a 20:30 horas e o 31 de decembro de 11:00 a 13:30 horas. Excepcionalmente entregaranse os dorsais na praza do Obradoiro o día 31 de decembro de 15:30 a 16:30 horas.

A concelleira Pilar Lueiro, que foi a primeira en inscribirse nesta edición, aproveitou para “convidar a toda a cidadanía a participar nesta tradicional carreira que culmina o ano en Compostela”. “É unha carreira para competir e pasalo ben, pretendemos rematar o ano deportivo dun xeito saudable e festivo, no que gozar do deporte e desfrutar ao máximo coa familia e amizades nun ambiente de esmorga”, explicou.

“Foi moita a xente que nas últimas semanas se interesou por esta proba e estamos encantadas de a poder celebrar, de apostar máis unha vez polo atletismo e por unha proba que foi medrando ano a ano e da que esperamos que haxa unha altísima participación”, sinalou.

Premios e agasallos

Haberá trofeos para as 3 primeiras persoas clasificadas da categoría adultos (feminino e masculino), nas categorías de escolares, atletismo federado, ao grupo popular con máis participantes na proba (que deberán reflexar o mesmo nome na inscrición), á empresa con máis participantes, ao centro deportivo ou ximnasio con máis participantes, aos 3 mellores disfraces de grupo (cun mínimo de tres integrantes) e aos tres mellores disfraces individuais.